Monday 06 de May de 2024

A Xunta pon en valor o traballo da Policía Autonómica nos seus 30 anos na comunidade para velar pola seguridade dos galegos


― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiron hoxe á entrega da Cruz de Bronce da Xunta aos 22 axentes que levan 30 anos no corpo policial, xunto con outros distintivos de permanencia por 25, 20, 15 e 2 anos de servizo na unidade

― No acto tamén se distinguiu con distintivos honoríficos a persoas doutras forzas de seguridade e doutros colectivos pola súa colaboración coa Policía Autonómica

― Alfonso Rueda lembrou a petición ao Goberno central para completar a plantilla do corpo de seguridade, que se atopa actualmente ao 75,6%, tendo en conta o aumento das competencias como os dispositivos para velar polo cumprimento das medidas anticovid ou o reforzo da seguridade do Camiño de Santiago neste Xacobeo 21-22
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na entrega das medallas á Policía Autonómica o labor deste corpo de seguridade durante tres décadas para velar pola seguridade dos galegos e galegas. Por iso, para recoñecer ao persoal policial o traballo continuado nesta unidade, no acto de hoxe concedéronse a Cruz de Bronce da Xunta a 22 axentes que levan 30 anos de servizo. Ao acto tamén asistiu a conselleira do Mar, Rosa Quintana e interviron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes.

Ademais, entregáronse 36 distintivos de permanencia coa barra azul a 36 axentes polos seus 25 anos na Policía Autonómica; outros 84 con barra amarela aos que levan 20 anos; 71 coa barra branca por 15 anos de permanencia; xunto con 7 distintivos básicos ao persoal con 2 anos de permanencia, entre eles o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal.

Na súa intervención, Alfonso Rueda incidiu no exemplo de colaboración que levaron a cabo as forzas e corpos de seguridade nestes meses para garantir o cumprimento das medidas anticovid e, en xeral, a coordinación entre a Policía Autonómica con outros corpos e colectivos. Así, hoxe outorgáronse tamén varias distincións honoríficas para recoñecer a súa destacada colaboración coa Policía Autonómica. Trátase de José Luis Balseiro, xefe superior de Policía de Galicia; Francisco Javier Jambrina Rodríguez, coronel xefe da comandancia da Garda Civil na Coruña; José Antonio Brandariz Castelo, superintendente e exxefe da Policía Local da Coruña, e Lino Sexto Bermúdez, subdirector do Servizo de Gardacostas de Galicia.

O vicepresidente primeiro da Xunta incidiu no aumento das competencias axentes durante a pandemia do coronavirus para velar pola seguridade dos cidadáns e garantir o cumprimento das medidas de prevención ante a covid-19 adoptadas polas autoridades sanitarias. Ademais lembrou que a Policía Autonómica ten en 2022 un reto importante para garantir a seguridade no segundo ano deste Xacobeo 21-22 no que se agarda un elevado número de turistas e peregrinos coa protección das rutas xacobeas.
Deste xeito, agradeceu a implicación e o traballo de tódolos axentes para contribuír a que Galicia sexa un destino seguro para os galegos e galegas e para os visitantes. De feito, a seguridade supón precisamente un reclamo para os turistas neste Xacobeo 21-22. A comunidade galega convertese así -asegurou- nun destino seguro desde o punto de vista sanitario e de seguridade cidadá.

O reforzo desa mensaxe de Galicia como destino seguro con tódalas medidas anticovid e iniciativas pioneiras como o seguro coronavirus foi o que permitiu á comunidade liderar a recuperación da actividade turística por riba da media nacional.

Por tanto, lembrou que é preciso que o Goberno central o cadro de persoal da Policía Autonómica, que se atopa ao 75,6% con 378 dos 500 efectivos previstos, pese a ter incrementado as súas competencias tanto cos dispositivos relacionados coa covid como co reforzo da seguridade polo Xacobeo 21-22 e nos Camiños de Santiago.

Ademais, a Policía Autonómica as súas funcións habituais en materia de seguridade, prevención e investigación de incendios, protección de vítimas de violencia de xénero e menores, loita contra o furtivismo e marisqueo ilegal, ou protección do medio natural e patrimonio cultural.